quinta-feira, 8 de setembro de 2016

Balance positivo de Arraianos que trouxo a miles de persoas a Tui

O Concello investiu 12 mil euros amais de aportar infraestrutura municipal para a realización do evento
 O Concello de Tui realiza un balance positivo do Festival da Historia Arraiana, Arraianos, que se celebrou esta fin de semana na cidade cunha gran acollida por parte do público. As distintas actividades e espectáculos celebrados nas prazas de San Fernando, A Misericordia, San Telmo e Fromista, contaron coa participación de miles de persoas que non se quixeron perder esta cita coa historia, neste ano na época medieval.
O Concello de Tui investiu 12 mil euros do orzamento municipal neste evento, ao que tamén aportou a infraestrutura municipal coa tramitación de permisos, labores de limpeza, regulación do tráfico, colocación de postos, difusión do mesmo...
Ao tempo dende o Concello de Tui quérese felicitar a Andrea Costa, directora do festival, e a o seu equipo polo traballo realizado nas últimas semanas co apoio da concellería de Cultura e doutros departamentos municipais que permitiron levar a cabo con éxito esta primeira edición de Arraianos. Salienta tamén a positiva repercusión que tivo tamén na hostalería e restauración local durante a fin de semana, implicándose gran parte dela no evento ambientando os locais no medievo e servindo pratos especiais da época.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, María José González, explican que tras este primeiro balance, será agora tempo de sentarse e avaliar con calma cada unha das actividades realizadas, así coma o festival no seu conxunto, para sentar as bases para futuras edicións. Avanza que dende o Concello, coma se fixo xa neste primeiro ano, apóstase por Arraianos coma un evento destacado do verán tudense.

Sem comentários:

Enviar um comentário