quarta-feira, 12 de outubro de 2016

Comezou o pintado mural da ponte de entrada a Tui dende A Guarda

Onte comezou a execución das obras de ornato da Ponte das Bornetas, no acceso ao centro urbano dende A Guarda, tras resolverse o “Concurso de pintura mural” levado acabo polas concellerías de Turismo, Cultura e Limpeza e Medio Rural do Concello de Tui.
O xurado fallou a favor do proxecto presentado por David “DoctorToy” no que se reflicte dun lado unha panorámica do casco urbano de Tui e por outro un dos moitos recunchos do Parque Natural do Monte Aloia, a xoia medioambiental tudense.
As labores de pintado terán unha duración de 15 días e contará cunha achega de 300 euros para os gastos de pintura e materiais. Ademais, o Concello puxo a disposición do artista os medios materiais e de seguridade necesarios para a execución da obra.
En total ao concurso presentáronse 5 proxectos para pintar as tres pontes de entrada a Tui dende Gondomar, A Guarda e Vigo. Finalmente, o xurado decidiu por unanimidade seleccionar o proxecto de David “DoctorToy” para a ponte das Bornetas, namentres que se declara deserto o premio para as outras dúas pontes ao non axustarse os bosquexos presentados as súas características arquitectónicas.
O Concello de Tui mantén o seu obxectivo de pintado das pontes restantes co gallo de continuar as labores de mellora e ornamentación da cidade, así como o compromiso inequívoco de prestixiar e difundir obras de artistas e creadores, neste caso de pintura mural.
FICHA PERSOAL
DoctorToy, o artista vencedor, é un deseñador, muralista, ilustrador e programador da Coruña. Actualmente, está establecido entre Barcelona e República Checa. A súa paixón pola arte levouno desde pequeno a involucrarse en proxectos creativos, cada vez con máis impacto. Tras o seu paso pola Universidade de Belas Artes percorreu Europa formando parte de diferentes colectivos artísticos. Arestora, realiza os seus estudios de Doutorado entre a Universidade de Vigo e a Universidade de Barcelona, en paralelo á produción plástica de obra artística propia e o traballo audiovisual co colectivo de artes dixitais Viscepatik.

Sem comentários:

Enviar um comentário