domingo, 13 de agosto de 2017

Mosteiro – Igreja de São Fins

A tan só 12 quilómetros de Valença localízanse nunha ladeira do Monte Faro e a 200 metros de altura os restos do mosteiro milenario de San Fins de Friestas cunha clara influencia do románico e cantería galega.
Causa impresión o estado desta xoia histórica na que poderemos gozar dun gran número de elementos patrimoniais de entre os que destaca a súa espectacular igrexa románica. Claustros, soportais, cemiterio, acueducto, muíño, capelas, dependencias, lagares, eiras, terreos de cultivo, murallas, capelas e fontes, son só unha pequena parte do que nos depara este lugar que foi moi modificado durante os últimos séculos.
Non hai unanimidade para a súa antigüidade. Mentres que uns sitúan as súas orixes xa en época alto medieval (principios de século VII), para outros a súa fundación sería no século XII. A derriba dun nártex secular no século XX no que existía unha data primitiva impediu o seu estudo minucioso e por iso as dúbidas da súa orixe.
Temos documentos no século XII que nos contan que o cenobio foi fundado polos monxes benedictinos e que pertenceu á diocese de Tui. Dispoñía dun gran coto que lle outorgaron diversos privilexios reais e por iso a riqueza era abundante. O primeiro salmón pescado no seu coto do Río Miño e as primeiras pezas de caza eran “doadas” aos monxes. Ademais os habitantes do coto estaban exentos do servizo militar e só cando o rei en persoa loitaba estes tiñan que unirse.
A partir do século XV comeza o declive e diminúe o número de monxes ata que en 1545 tan só residían tres monxes. Por iso transferiuse o convento á Compañía de Jesús, os xesuítas. Estes mesmos realizaron os primeiros cambios nas instalacións e neles apreciaremos as mans dos canteiros galegos e vascos. Os xesuítas mantiveron o cenobio ata o ano 1759 que pasa a mans da Universidade de Coimbra ata o ano 1834, ano que do mesmo xeito que en España, os bens eclesiásticos das compañías relixiosas son poxados. Uns anos antes, en 1780, o mosteiro quedou abandonado, data que consta gravada na porta. Hai documentos que afirman que xunto ao convento existía unha torre que foi presidio para persoas nobres. Da devandita torre non existen restos visibles. A fermosa igrexa románica empezou a recuperarse en 1933 e as obras estendéronse ata mediados de século. Nos últimos lustros do século XX os traballos continuaron e actualmente está a ser obxecto doutra intervención.
Existe unha zona habilitada como aparcadoiro e miradoiro. Desde alí, ademais das fermosas vistas do val poderemos ver xa as ruínas do mosteiro e a silueta da impresionante igrexa románica.
Por un camiño descenderemos e pasaremos xunto ao pequeno cemiterio barroco abandonado onde aínda poderemos ver as tumbas dos últimos fregueses. Polo seu estado e restos de flores artificiais saberemos que foi utilizado ata ben entrado o século XX. Alí mesmo unha pequena capela completa o camposanto.
Seguimos baixando e toparémonos de bruzos cunha especie de gran muralla aberta cun pequeno arco de medio punto que nos lembra en parte ao acueducto do Monte da Cidade, en Fornelos. E non é para menos, pois tamén é un acueducto de 500 metros que dotaba de auga ao complexo. Atravesamos o arco a modo de porta de entrada e xa poderemos ver en todo o seu esplendor o conxunto monacal en ruínas.
Darnos unha volta por todo axudaranos a localizar o muíño, a impresionante fonte que se sitúa debaixo del, os socalcos para o cultivo, as dependencias monacales con vistas de ilusión, restos dun lagar, canles de auga, un precioso claustro renacentista… e sobre todo a majestuosa igrexa románica de São Fins. Igrexa rehabilitada que consta de dous tramos, un rectangular e outro semicircular. A igrexa cóbrese con tella a dúas augas e no exterior poderemos apreciar os trazos románicos do seu gran alzado.
Percorrendo os seus recunchos pronto atopamos o punto máis alto, ao cal se accede por unhas escaleiras do século XVIII. Alí, arriba descubriremos os restos doutra pequena capela barroca do mesmo século que domina todo o val. Unhas rocas con supestas pilas naturais sitúanse xunto a este lugar. Isto fai supoñer que o lugar xa foi utilizado desde remotas épocas posiblemente prerromanas.
No camiño de subida veremos unha posible “eira de maiar” xunto a outras estruturas para nós descoñecidas. Tamén poderemos apreciar gran parte da muralla que acoutaba o cenobio e que se estende sobre un gran territorio.
Vale a pena pasar longo tempo neste lugar e observar cada detalle e cada época de construción, pois é espectacular. Sen dúbida uns restos de visita obrigada para todo o mundo que goce da historia galaico-portuguesa.
in Galicia Máxica

Sem comentários:

Enviar um comentário