segunda-feira, 4 de dezembro de 2017

En decembro celebrarase en Tui o obradoiro “Risos en Familia” do programa Tecendo Lazos

En decembro celebrarase en Tui o obradoiro interxeneracional “Risos en familia: risoterapia creativa anti-estrés” dentro do programa Tecendo Lazos que oferta a Deputación de Pontevedra, e no que neste caso colabora o Concello de Tui.
O obradoiro terá lugar os martes, mércores, xoves e venres do 19 ao 29 de decembro en horario de 18 a 20h na Área Panorámica.
O obxectivo deste obradoiro é aprender a rir para tomarnos a vida con máis sentido do humor  e afrontar os problemas cotiás con positividade para favorecer as relacións individuais, familiares, comunitarias e sociais entre as persoas participantes. Ao tempo se busca fomentar a cooperación e interacción e o intercambio de experiencias entre as distintas xeracións.  Ao longo de oito xornadas os participantes realizan xogos, prácticas de humor, relación combinada con risas, maxia…
Tamén durante dúas das dezaseis horas de duración do obradoiro o  módulo denominado “A Historia do Meu Concello”, que recollerá actividades enfocadas a recompilación de fotografías, historias, lendas, contos, etc. en formato papel ou audiovisual do municipio.
Esta actividade vai dirixida a persoas dende os 10 anos ata os 99 anos de idade, tendo preferencia aquelas que formen parte da mesma familia, se anoten xuntas e pertenzan a diferentes xeracións. Os menores de 13 anos deberán acudir sempre en compañía dunha persoa adulta, e os que teñan entre 13 e 17 anos e desexen acudir sos deberán achegar o consentimento da nai, pai ou titor.
Ofértanse un total de 30 prazas. Os interesados poden inscribirse nos Servizos Sociais do Concello de Tui de luns a venres de 9 a 14h até o 5 de decembro. 

Sem comentários:

Enviar um comentário